Voltamos cunha nova receita de Poldro PRG: cachopo de poldro PRG recheo de espinacas e xamón.

Pero esta receita de cachopo podemos cambiar as espinacas por grelos  e o queixo de cabra por outro que nos guste ou teñamos na neveira. Ademáis podemos usar pan sen gluten e así ser apto tamén para celíacos. E a carne de poldro por tenreira ou polo.

Ingredientes para 4 persoas:

  • 4 filetes grandes de poldro PRG
  • un manoxo de espinacas
  • queixo de cabra Touza Vella
  • xamón
  • ovo batido
  • pan relado
  • allo moído
  • pementa
  • sal
  • aceite de oliva
  • para acompañar: brotes verdes, tomatiños, rábano

Preparación:

Poñemos nunha tixola un pouco de aceite e cando este quente engadimos as follas de espinacas para saltealas un pouco. Pasados un par de minutos remexendo engadimos un pouco de xamón cortado en anacos. Deixamos un minuto e retiramos.

Collemos os filetes e si son grosos podemos mazalos un pouco para que queden máis finos.

Botámoslle sal, un pouco de allo moído e unha pouca pementa a cada filete.

Na metade do filete poñemos un pouco de recheo de espinacas e xamón e en riba unhas lascas de queixo de cabra. Dobramos coa metade do filete para que o recheo nos quede tapado. Dobramos en forma de media lúa.
Pasamos por ovo batido e por pan relado. Repetimos con cada filete.

Poñemos a quentar aceite e cando este ben quente poñemos a fritir os filetes. Procuramos que se fritan ben por cada lado.

Cando este ben fritido sacamos a un prato onde xa temos o acompañamento escollido.

Listo para comer quente.

Aquí vos deixo o vídeo coa receita: